A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de comunicarlle ao Ateneo de Pontevedra, mediante resolución do 19 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Vicepresidencia, a denegación a seguir usando o local que en réxime de concorrencia pública o Ateneo dispuña como sede oficial da asociación no edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra.
Nesta segunda convocatoria pola que se adxudicaba a autorización de ocupación de locais para usos sociais, culturais ou sanitarios o Ateneo de Pontevedra ficou excluído.
Diante do que consideramos unha manifesta irregularidade e un grave agravio comparativo, o Ateneo de Pontevedra desexa manifestar o seguinte:
1.- No referente ao baremo utilizado nos apartados correspondentes aos puntos 2. (Adecuación ao uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade para o ano en curso e vindeiro), punto 8. (Igualdade) e punto 9. (Utilidade pública), o Ateneo de Pontevedra recibiu 0 puntos en cada un deles.
Poderiamos dicir que é esperpéntico se non fora indignante. Basta ler detidamente a Memoria Xustificativa de Solicitude de Locais entregada polo Ateneo para ser conscientes do desatino.
Sen pretender entrar en desautorizacións estériles nin enfrontamentos innecesarios é doado certificar, realizando un seguimento das actividades recollida no anexo que entregamos xunto coa Memoria, que non hai na cidade de Pontevedra ningunha outra asociación cultural ou social de ámbito cidadán que se ocupase no seu programa e actividades tan polo miúdo de temáticas vinculadas coa igualdade, a violencia de xénero, os foros interdisciplinais para abordar estas cuestións, as publicacións e edición de ensaios, a presentación dos mesmos e, en todo momento, dando cabida nos foros do Ateneo ás autoras que en Galicia están teorizando e actualizando os contidos académicos no campo do feminismo e a igualdade.
2.- É evidente, indiscutible e notoria a alta consideración social que o Ateneo de Pontevedra mantén no eido cultural cidadán. Basta cunha consulta na hemeroteca local para ser coñecedor desta realidade.
Hai que estar moi desinformado ou ser un ignorante obtuso, ou ter moi mal vontade, para non ser consciente deste feito.
Na actualidade, e durante estes último anos, o Ateneo acadou un elevado grao de excelencia e prestixio social, recoñecido publicamente, e cun nivel de consenso e pluralidade pouco habitual en circunstancias nada doadas para o debate e o diálogo plural, sereno e rigoroso, que é un dos sinais de identidade do Ateneo.
Un labor encomiable de consenso e pluralidade que foi recoñecido por diferentes estamentos políticos, culturais e sociais da cidade.
Unha sucinta consulta nas redes, ou medios online, é suficiente para dárense conta deste aserto do bo facer e da utilidade pública que o Ateneo de Pontevedra atesoura.
Comparativamente, e repito que non desexamos entrar en liortas innecesarias, mais é de xustiza recoñecelo cando o agravio ten a dimensión deste caso, outras asociacións beneficiadas coa concesión dun local amosan neste aspecto en concreto un baleiro desolador de programas e actividades.
Isto é facilmente confirmable realizando unha breve consulta nas redes sobre o programado neste último ano. Por non entrar nun debate real -non puramente formal- sobre as accións e actividades que tiveron a igualdade como temática, que medidas de defensa da lingua galega se levaron a cabo, ou que entendemos por utilidade pública máis alá de xantares ou encontros litúrxicos e conmemorativos.
O Ateneo de Pontevedra síntese profundamente agraviado diante dun absurdo incomprensible, con tinxes a castigo, dunha comisión superficialmente obxectiva, que basea as súas decisións en criterios formalmente aleatorios e de características supostamente técnicas, todas elas de natureza potestataria.
Criterios que, baixo a nosa consideración, están inzados de descoñecemento -este si obxectivo- do mundo da cultura na cidade de Pontevedra, e contaminados dun burocratismo que favorece a ineptitude e unha concepción arcaica e banal do quefacer cultural.